Lúa de Papel
Portada xaponesa de “Luna de Papel”
Será fácil desaparecer, borrarse da face da terra?
Síntome así porque gañei algo -preguntábase- o porque o perdín?
Con estas frases (ao inicio e ao final do capítulo introdutorio), Kakuta Mitsuyo danos a benvida a “Lúa de Papel”. Unha obra sobre a obsesión, o diñeiro, e o papel das mulleres dentro da sociedade xaponesa. Como é habitual, Kakuta traballa con temáticas feministas e unha ollada reflexiva pero con gran magnetismo. Historias complexas e emocionantes que nos manterán expectantes ata a última páxina.
A historia:
“Lúa de Papel” narra a historia de Rika Umezawa, unha ama de casa que, desencantada coa súa vida de casada, decide reingresar ao mundo laboral. Traballando para un banco, realiza visitas a clientes para facer dilixencias e vender servizos, durante unha destas visitas coñecerá ao un mozo chamado Kota e isto será o detonante dunha cativante historia de fixación, crime e transformación da propia Rika.
Kakuta constrúe unha historia con múltiples perspectivas que tentan explicar quen é Rika Umezawa, pero só cando nos achegamos a súa persoa é que podemos comprendela na súa totalidade. O seu pasado e o seu presente mestúranse e aclaran o devir da súa historia.
Mitsuyo Kakuta, autora de “Luna de Papel”
A autora:
Mitsuyo Kakuta naceu o 8 de marzo de 1967 na prefectura de Kanagawa. Desde moi nova sabía que quería ser escritora. Na sua época universitaria publicaría a súa primeira novela “Kofuku na yugi”, gañando o premio Kaien de 1990 a mellor autora nova. Actualmente conta con máis de 80 obras escritas e mesmo animouse a traducir o “Genji Monogatari”.
O club de lectura xa visitou a obra de Kakuta con anterioridade (no 2021 lemos “Ela na outra orela”), e quedamos encantados coa súa narrativa, temas, personaxes… Por ese feito, perecéunos unha boa idea iniciar o club coa dúa terceira novela traducida ao español e publicada xusto neste ano 2023.
Ningún comentario:
Publicar un comentario