venres, 24 de marzo de 2023

Reseña: El expreso de Tokio de Seicho Matsumoto. Club de lectura de xaponés

 

Dicir que esta obra de Matsumoto me encantou sería, sen dúbida algunha, quedarme curto.

Primeiramente, comentar que a estrutura do libro é máis que asequible pois un contido de pouco máis de 200 páxinas a razón de 13 capítulos en total arroxan unha media dunhas 15 páxinas por capítulo, co cal a persoa lectora atópase de seguro vendo pasar os capítulos coma se fose o mesmo expreso de Tokio.

En segundo lugar, e se facemos unha análise xeral destas dramatis personae, a primeira impresión que me vén á mente é que non hai precisamente unha extensa lista de personaxes, polo que resulta doado manter a concentración memorística das accións que cada unha leva a cabo. A intervención de cada unha delas ao longo do libro constrúese baixo un ritmo constante no tocante á trama argumental.

En terceiro lugar, chámame profundamente a atención o carácter tan orgánico do libro: hai varios momentos nos que a investigación parece atoparse nunha rúa sen saída mais os pequenos detalles que posibilitan a súa continuación non son froito de xiros utópicos, senón da extrapolación de pequenas situacións da vida cotiá, por un lado, e, sobre todo, da tenacidade e intuición dos 2 investigadores, o veterano Torigai e Mihara. Ademais, a transición entre eles ao longo do desenvolvemento da investigación e o como se complementan entre eles en diferentes momentos resultan moi naturais; mesmo se transmiten realmente ben os estados de ánimo, especialmente a frustración de Mihara, cada vez que, por exemplo, unha aparente relevante e clarificadora pesquisa bate en primeira instancia contra unha inesperada parede.

En cuarto lugar, resulta tremendamente chamativo a precisión horaria ferroviaria do Xapón de finais da primeira metade do século XX (tamén reflictido no libro na mentalidade da xente), algo que, por outra parte, resulta clave ao longo da investigación. Ademais, saber que Matsumoto empregou literalmente os horarios de transporte existentes de Xapón do ano 1947 apórtalle, non só maior consistencia e forza á trama literaria, senón maior admiración dende o punto de vista da persoa lectora. Neste eido, pode ser doado comprender, en certa medida, o tremendo éxito acadado co libro en Xapón, pois, poñéndose na pel dun/ha xaponés/a desa época… acaso non sería absolutamente emocionante saber que o libro que len respecta/emprega os mesmos horarios dos transportes que as/os lectoras/es adoitan empregar no día a día? E saber que a/s presunta/s persoa/s que maquina/n o/s plan/s se serviron dunha profunda análise disto como base para acadaren os seus obxectivos?

En quinto lugar, dicir que se estás acostumada/o a ler novela histórica de carácter bélico (e/ou outro tipo de xénero literario onde se empregue) vas agradecer moitísimo atoparte de entrada cun mapa de Xapón ao comezo -e se non tamén-, por un lado, e ir vendo os croquis que se levan a cabo dende a investigación. Como consulta cada vez que se tenta avanzar na investigación, recoméndoche encarecidamente botarlles man cada vez que parece haber novidades na investigación; verás que che axudarán a entender a Torigai, e, especialmente a Mihara. Ademais, non menos interesante e como pouco, o mapa axudarache a familiarizarte con Xapón dende o punto de vista xeográfico.

É altamente recomedable, case diría que indispensable: atreveríame incluso a dicir que de obrigada lectura para axudar a entender máis a cultura xaponesa en xeral, e no ámbito do transporte ferroviario e da mentalidade en particular. Se non entraba nos teus plans ler o libro, animarte encarecidamente a facelo, pois paga moitísimo a pena. Se xa tiñas en mente lelo, adiantarche que non planees levar a cabo a súa lectura en varios días; eu non fun capaz de facelo e tiven que chegar até o final a mesma noite do día no que o comecei a ler!!


イスラエル


Ningún comentario:

Publicar un comentario